- «O PXOM de Carballo xa entrou en vigor o 26 de febreiro do ano 2016. Diego Calvo pretende tomarnos por tontos», sinalan desde o BNG
O BNG de Bergantiños considera un insulto a Carballo as palabras do presidente provincial do PP, Diego Calvo, ao poñer en valor os compromisos adquiridos pola Xunta para a ampliación do polígono de Bértoa alegando que as obras están á espera da aprobación do PXOM. «Se fose por iso, a ampliación do parque empresarial xa estaría feita, posto que o PXOM de Carballo xa entrou en vigor o 26 de febreiro do ano 2016. Diego Calvo pretende tomarnos por tontos», sinalan desde o BNG.
De feito, desde a agrupación sinalan que nin sequera faría falla que o Concello de Carballo tivese aprobado o PXOM para poder acometer a ampliación do polígono porque dita actuación «está incluída no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, vixente dende o 2014, […] un instrumento de ordenación territorial de incidencia supramunicipal que prevalece sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente dos concellos.
Os nacionalistas ven como un insulto aos carballeses que Calvo sosteña que hai solo industrial para dous anos xa que «nós vemos como hai empresas que non poden instalarse no noso concello por falta de solo». Sinalan ademais que en outubro do ano pasado, tanto o Concello como o empresariado do polígono adquiriron para a ampliación un compromiso coa Xunta, reiterado en febreiro deste ano pola conselleira de Medio Ambiente, onde se establecían datas: 2020 para a realización do proxecto e a adquisición do terreo, e 2021 para facer as obras.
Desde o BNG de Bergantiños fan fincapé en que o PP está xogando co futuro de Carballo ao estar en plena campaña electoral, mentres que o goberno local segue agardando novas «sobre os compromisos adquiridos polo PP sobre a construción da circunvalación e o abastecemento de auga á zona de Baldaio, compromisos que tamén vimos como se paralizaron nestes últimos oito anos».