O BNG continúa coa recollida de sinaturas para esixir melloras sanitarias en Carballo

Recollida de sinaturas_Cedida.

O BNG de Carballo prosegue coa campaña de recollida de sinaturas que iniciou o pasado 7 de outubro para esixir do Sergas a atención e mellora dos servizos sanitarios de Carballo.

En menos dun mes xa son máis de 1.000 as sinaturas recollidas e que demandan a construción dun segundo centro de saúde, como teñen todos os concellos galegos de máis de 30.000 habitantes agás Carballo, e que resulta imprescindible para acabar cos graves problemas de saturación que ten o actual.


Fronte a este clamor popular, que volveu a reflectirse este domingo nas mesas informativas instaladas na rúa Coruña e no Campo da Feira, “o presidente da Xunta vén de anunciar a construción de 37 centros de saúde en Galicia, pero o de Carballo non figura entre eles”. Malia recoñecer que en Carballo é preciso acometer unha actuación “urxente por necesidades asistenciais”, a única mellora que propoñen é unha ampliación para converter o actual centro de saúde nun CIS (Centro Integral de Sanidade), unha denominación sen ningún contido definido porque en realidade o que agocha son aínda máis problemas de saturación e, en consecuencia, de deterioro da atención primaria para a veciñanza de Carballo e do resto da comarca, afirman dende o BNG. Fronte a esa reforma que defende o PP en Santiago e tamén en Carballo, os nacionalistas din que o concelleiro e deputado Popular Rubén Lorenzo, “non foi quen de explicar no pleno que se pretende facer e en que vai beneficiar isto á veciñanza”.


Nun comunicado, o BNG prosigue dicindo que “durante os anos de goberno do Partido Popular na Xunta, en Carballo elimináronse especialidades e non se dotou o centro de saúde do persoal suficiente nin do espazo físico necesario para prestar o servizo de calidade que merecen os seus veciños e veciñas, que, polo contrario, sofren a diario a masificación do edificio e listas de agarda que chegaron a ser este verán de ata 26 días, as máis longas de toda Galicia”.


Os nacionalistas creen que é preciso, máis que nunca, seguir reivindicando a construción dun segundo centro de saúde nunhas instalacións acordes ás necesidades actuais, e iso tamén significa, como están a demandar na campaña de recollida de sinaturas, a dotación de máis persoal, a recuperación dos servizos e especialidades eliminados e o incremento da carteira de especialidades, para deixar de desprazarnos á Coruña para case todo”.

O BNG de Carballo afirma que manterá o tempo que sexa preciso a campaña de recollida de sinaturas, tanto presencialmente, en distintas localizacións, coma de xeito telemático en Change.org, conclúen.