O BNG critica “o camiño equivocado” do xiro á dereita do goberno PSOE/Podemos


O deputado nacionalista, Néstor Rego, en comparecencia no Congreso lembrou que “o Bloque Nacionalista Galego apoiou a investidura en función dun acordo“que recolle melloras en diferentes ámbitos que van dende infraestruturas até políticas sociais e que o Partido Socialista asumiu executar ao longo da lexislatura”. Recalcou que algunhas desas melloras “serían de execución inmediata en 2020” e lamentou que aínda non se producisen os suficientes avances nesta materia. Rego destacou que o PSOE non estaría faltando ao compromiso co BNG, senón con todo o pobo galego.

“Este acordo -recalcou o deputado- tivo unha acollida moi positiva polo conxunto da sociedade galega porque nel se recollen medidas e solucións a problemas que, en moitos casos, levan décadas esperando a solucionarse”. E avisa que, coincidindo co debate sobre os orzamentos de 2021, o BNG fará fincapé nas vindeiras semanas no cumprimento deste acordo.

Néstor Rego mostrouse crítico co xiro á dereita por parte do PSOE na procura de apoios no Partido Popular e en Ciudadanos para a aprobación dos orzamentos, deixando a un lado as forzas soberanistas de esquerda que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez. “Resulta sorprendente que Pedro Sánchez chame o Partido Popular a contribuír a aprobar ‘uns orzamentos progresistas’. É evidente que se contan co apoio do PP de ningunha maneira serán verdadeiramente progresistas”. destacou o deputado que considera ese xiro á dereita, o camiño equivocado.