O BNG critica aos partidos estatais por non atender as necesidade de Galicia


O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, fai a súa intervención de encerramento no debate sobre os Orzamentos do Estado para 2022 e denuncia a discriminación e o déficit histórico que arrastra Galiza por culpa dos gobernos do PP e PSOE, e que se mantén neste proxecto para 2022, motivo principal da abstención crítica do BNG na votación orzamentaria. A formación nacionalista reivindica a súa defensa coherente dos intereses das e dos galegos e pon de manifesto a necesidade de, eleccións por medio, constituír un grupo galego que condicione cos seus votos de maneira permanente as decisións do executivo estatal.

O deputado nacionalista destacou que “Galiza sufre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE. Isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario”. De facto, non existe servizo de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas do País e tampouco conexión directa entre cidades como Santiago e Lugo e mantéñense liñas anacrónicas como A Coruña-Lugo ou A Coruña-Ferrol sen apenas inversións, xusto no momento en que se anuncia máis unha vez a chegada, cun atraso de case 30 anos, do AVE á Galiza.