O BNG cualifica as contas da CRTVG como un novo “día da marmota”

1 minutes read
  • Esixe explicacións á compañía pola denuncia dun traballador por acoso debido á súa orientación sexual, o que considera un feito “gravísimo”.

O BNG sinala que o informe das contas anuais da CRTVG presentado no Parlamento galego polo director da compañía o que ofrecen é un novo “día da marmota”, cun orzamento de 111,2 millóns tan só dous millóns máis que en 2019 e unhas cifras “acomodaticias” que repiten o esquema de anos anteriores e que non reflicten ningún interese por mudar o rumbo dos medios públicos galegos. Así o manifestou a deputada nacionalista María Albert logo da exposición do director da CRTVG, ao que se lle afeou que “non se trata de cuestións técnicas, senón do fondo político e da función de servizo público que teñen a obriga de cumprir os medios de comunicación públicos e que, ao noso modo de ver, en moitísimas ocasións non se cumpren”. O BNG tamén preguntou ao director da compañía pola demanda por acoso presentada por un traballador dende hai anos pola súa “actividade sindical, política e, de forma especial, por ser homosexual”. “Estamos falando de algo gravísimo porque suporía, de ser certo, a violación de dereitos fundamentais”, advertiu a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, para a continuación subliñar que esta denuncia se produce no marco do movemento contra a LGBTfobia que protagoniza a sociedade galega a raíz do terrible asasinato de Samuel Luiz na Coruña.