O BNG cualifica de grave ameaza ambiental e para a pesca o proxecto de macroparque eólico do Volanteiro

A fronte nacionalista denuncia o «dobre discurso» do PP na Xunta de Galiza que di defender o sector pesqueiro mentres beneficia a proliferación de proxectos de eólica mariña nas costas galegas con graves afeccións sobre esta actividade.

«A implantación de parques eólicos no noso litoral non se pode levar a cabo a calquera prezo», advertiu a portavoz de Pesca do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, que destacou a importancia do sector pesqueiro na economía galega como segunda actividade en volume de negocio, que representa o 10% das exportacións e que emprega, de xeito directo e indirecto, a máis de 120 mil persoas en Galiza.

A voceira de pesca nacionalista acusou á Xunta de «disfrazar de enerxía limpa» esta ofensiva das multinacionais enerxéticas nas costas galegas e de actuar cunha «total falta de transparencia» a respecto destes proxectos. «É incomprensíbel que se estea a apostar polo mesmo esquema de sempre: poñer a Galiza a producir enerxía, en moitos casos con importantes achegas de cartos públicos a grandes empresas privadas que non deixan beneficio ningún aquí, ao contrario da pesca que xera riqueza no noso País», reprochou.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha