O BNG cuestiona a declaración de interese autonómico da cidade do Celta en Mos

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego vén de cuestionar a declaración como proxecto de interese autonómico o que cualifica de «pelotazo urbanístico do Celta en montes comunais de Mos». A deputada nacionalista no Parlamento galego, Alexandra Fernández, denunciou este mércores, durante unha pregunta no Pleno, as «manobras da Xunta do PP» para facilitar a tramitación do proxecto, malia os numerosos informes que alertan dos seus impactos e as sentenzas que declaran a ilegalidade das obras xa realizadas. Fernández acusou ao PP de «connivencia»con Mouriño por mirar cara outro lado ante as ilegalidades do proxecto, tal como denuncian os comuneiros afectados que advirten, en base a un informe pericial, que o volume construído na actualidade está moi por riba do autorizado. «E agora sabemos que a Xunta tamén colabora escondéndolle debaixo da alfombra o que Mouriño quere ocultar», recriminou en relación aos singulares achados arqueolóxicos que veñen de facerse públicos por parte de medios de comunicación.