O Bloque Nacionalista Galego cuestiona a venda de Povisa a unha nova multinacional e reitera a reclamación de adquirir o hospital para incorporalo na rede sanitaria pública. A fronte nacionalista denuncia a complicidade da Xunta nesta operación que cualifica de «especulativa» e acusa ao Goberno galego de convertir en «mercadoría» a atención das 130 mil persoas adscritas ao centro na área sanitaria de Vigo.
Así o trasladou a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, durante unha interpelación no Parlamento galego, na que expresou a «enorme preocupación» xerada entre a poboación e o persoal pola venda do centro á multinacional francesa Vivalto Santé, tres anos despois de que o hospital fora adquirido pola compañía estadounidense Centene a prezo de «ganga» e após ser rescatado e capitalizado con cartos públicos.