O BNG da Costa da Morte apoia as protestas da frota artesanal e presentará mocións nos concellos da zona

O BNG da Costa da Morte vén de expresar o seu apoio á frota de pesca artesanal galega, e nomeadamente á da comarca, que está protestando polo novo regulamento de control da Unión Europea, que entrou en vigor o 10 de xaneiro. Os nacionalistas anunciaron que os seus grupos municipais presentarán mocións nos concellos da bisbarra para instar á Xunta e ao Goberno de Estado a tomar medidas en favor do sector, e sinalaron que a normativa impulsada polas autoridades europeas foi fortemente cuestionada polos traballadores do mar e diferentes organismos do ámbito pesqueiro galego.

O BNG subliñou que as mobilizacións están a producirse especialmente por non ter en conta as características específicas da pesca artesanal, que leva anos demandando un tratamento diferenciado, atendendo á singularidade da súa actividade, ao seu carácter respectuoso co medio mariño e á súa importancia económica e social nas vilas costeiras, como acontece en diversas localidades da Costa da Morte, onde contribúe á fixación de poboación, á xeración de emprego e á dinamización económica local.

A formación nacionalista criticou a “hipocrisía” do PP con este tema. “Pretenden agora poñerse de lado dos afectados, cando foron eles os que apoiaron a aprobación do regulamento na Unión Europea”.

O responsábel comarcal do BNG Costa da Morte, Xurxo Rodríguez, amosou a súa comprensión coa preocupación que hai na bibarra con esta problemática. “Temos unha importante actividade de frota pesqueira artesanal en diferentes municipios da comarca, como Muxía, Camariñas, Fisterra, Carnota ou Corcubión, e o regulamento de control supón un novo golpe para un sector historicamente abandonado polos poderes públicos”.

A iniciativa que o BNG impulsará nas corporacións municipais da comarca recolle unha proposta para que se inste á Xunta de Galiza a exercer e defender as súas competencias exclusivas en materia de augas interiores, desenvolvendo normas propias de control adaptadas á realidade da frota artesanal galega.

Ademais, a organización nacionalista quere que o Goberno do Estado negocie coa Comisión Europea unha serie de medidas, comezando pola exclusión da frota artesanal do ámbito de aplicación do Regulamento de Control da Pesca, e mentres esta non sexa efectiva, que se adopte a flexibilización e adaptación das medidas que entraron en vigor o pasado 10 de xaneiro ás características específicas da frota artesanal galega.

Outras das cuestións que o BNG defende é a de pedir ao Goberno do Estado a eliminación da retroactividade nas sancións asociadas ao Regulamento, evitando que estas impidan o acceso ás axudas do FEMPA. E tamén solicitan ás institucións competentes a incluír na vindeira revisión da Política Pesqueira Común da Unión Europea unha diferenciación clara entre pesca artesanal e pesca industrial, atendendo non só á eslora dos buques, senón tamén a criterios como a distancia aos caladoiros, a duración das mareas, o uso de artes sostíbeis ou o número máximo de tripulantes.

Related posts

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle ao público de Carballo 11 funcións escénicas ata finais de abril

A borrasca Ingrid deixou diversos danos en instalacións, equipamentos municipais e na rede viaria da Laracha

Preto de 60.000 euros para o mantemento de escolas de música e conservatorios da Costa da Morte