- Segundo o proxecto de execución, o goberno local tiña novas sobre esta actuación desde o ano 2020
O BNG da Laracha tamén presentará alegacións ao proxecto do parque eólico do Carboeiro, ao igual que o propio goberno local e o PSOE. Un proxecto que afectará aos municipios da Laracha, Arteixo e Culleredo e do que o goberno local xa tiña constancia desde hai dous anos, tal e como se sinala no proxecto de execución que na actualidade se atopa en periodo de exposición pública. «O concello da Laracha ten información da existencia deste proxecto de parque eólico desde o ano 2020, información que non foi trasladada no seu momento á veciñanza», afirma o voceiro do BNG larachés, Xoán M. Sande Muñiz.
Sande tamén indica que nese documento o goberno local só obxecta unha pista de acceso aos aeroxeradores que colisiona co vial de acceso ao ‘Marco da Anta’ ou ‘Menhir de Erboedo’. Sen embargo, non se fai referencia á protección deste patrimonio que, por outra banda, o goberno municipal incluíu no seu plan de recuperación.
Por outra banda, os nacionalistas inciden en que no proxecto non aparece ningunha mención á afectación á poboación, habendo núcleos da parroquia de Erboedo situados a uns 800 metros dalgún dos aeroxeradores, e á actividade agro-gandeira e forestal así como á flora e fauna do lugar.