Dende o BNG afirman que recibiron con sorpresa o anuncio, a través da prensa, de que se van implantar ciclos formativos no Instituto Agra de Leborís, en concreto un ciclo básico e outro superior.
«Non se nos comunicou en ningún momento dende o grupo de goberno nada, a pesar de que levamos moito tempo preguntando. Pero o máis grave é que tampouco se lle comunicou á propia ANPA nin a maioría do profesorado que, polo que soubemos, foron coñecedores tamén a través dos medios de comunicación», afirman os nacionalistas.
«A implantación dos ciclos chega tarde, concretamente 16 anos despois da primeira vez que se prometeran en campaña; e chega mal, sen ter resolto o problema de espazo nun centro que xa sofre unha tremenda saturación».
Por todo isto, dende o BNG consideran que este anuncio non é máis que un acto desesperado da Consellería e do propio concello da Laracha por facer un lavado de cara ante os tremendos problemas de fondo que sofre o centro, e que din, «vimos denunciando non só nós, senon gran parte do profesorado, ANPA e alumnado: o citado, e tan demandado problema de espazo, a falta de profesorado de apoio e a garantía de que todos os itinerarios de bacharelato se poidan cursar en igualdade de condicións para o alunmado», conclúen.