O BNG da Laracha afirma que o goberno municipal do PP non conta coa oposición

Xoán M. Sande, portavoz municipal do BNG de A Laracha_Foto.- nhdiario.es.

Nunha nota remitada aos medios, Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha, considera que “nunha situación de emerxencia como a que estamos a vivir todas e todos debemos sumar e achegar as nosas propostas, remar todas e todos na mesma dirección, e por iso non entendemos que desde o goberno municipal da Laracha non se esté contando para nada cos grupos da oposición”.

“Non se trata de facer política coa situación, como por certo está facendo o Partido Popular cunha oposición do máis miserábel no estado (na nosa opinión) e en Galiza utilizando a CRTVG dun xeito absolutamente perverso como aparato de propaganda do Sr. Núñez Feijoo, trátase de entre todas e todos sumarmos para intentar axudar a veciñanza do concello da Laracha a superar esta situación do mellor xeito posíbel”, afirma Sande.

“O BNG ten demostrado, nos 25 anos que levamos de representación na Corporación Municipal da Laracha, ser unha oposición construtiva sempre achegando ideas para mellorar a vida das larachesas e dos laracheses, e así o continuaremos a facer. Temos ideas que achegar tamén agora nun momento no que o prioritario é superarmos a emerxencia sanitaria, e no que entendemos que desde o ámbito municipal tamén se poden facer cousas como por exemplo implementar un servizo de impresión de documentación para o alumnado, axudas para o pequeno comercio local que ten que manterse pechado mentres grandes grupos empresariais continúan vendendo por internet, a posibilidade de habilitar un espazo onde se poidan vender os productos do campo (xa que non pode haber feiras) sempre cumprindo as medidas de separación entre postos e con todas as garantías sanitarias, ou tamén axudar aos produtores hortícolas locais a que poidan vender por internet como xa están facendo algúns concellos habilitando portais web para iso”, conclúe Xoán M. Sande, desde o BNG larachés.