O BNG da Laracha di facerse eco das queixas de usuarias e usuarios do servizo de axuda no fogar do Concello, diante dos problemas, según din, na prestación deste servizo que continúan sen solucionarse. Nun comunicado afirman que primeiro foi a empresa que tiña o servizo contratado e que deixou de prestalo, logo de problemas e incumprimentos coas traballadoras, e agora coa “empresa ponte” contratada, os problemas e as queixas continúan.
Xoán M. Sande, portavoz municipal, afirma que «Diga o que diga o goberno municipal e o Sr. Alcalde, o certo é que ao BNG estannos chegando queixas dos usuarios, con nomes e apelidos, aos que non se lles presta o servizo en condicións; nalgúns casos dinnos que se lle manda unha persoa diferente cada día (co que iso supón para unha persoa enferma de Alzheimer, por exemplo), outras que non se cumpren os horarios ou vanlle a unhas horas que non lles solucionan nada, e mesmo que durante varios días non lles vai ningunha persoa (argumentando a empresa que non teñen xente para mandar)».
Desde o BNG instamos o goberno municipal a que se solucionen os problemas, que se faga a nova contratación do servizo á maior brevidade de tempo posíbel, e se a empresa ponte contratada non cumpre coas condicións que se actúe en consecuencia. Non pode ser que un servizo básico e moi importante para multitude de persoas en situación de dependencia se preste dun xeito precario, ou que deixe de prestarse durante varios días. Seguramente o Sr. Alcalde volverá negalo todo e seguirá dicindo que todo está ben, mais sabe que non é así porque as queixas dos usuarios son continuas.
Cómpre lembrar que a Deputación da Coruña financia, neste ano 2019, o servizo de axuda no fogar do concello da Laracha con 133.800 euros (11.150 horas).
http://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2019/04/16/2019_0000002990.pdf
Finalmente, lembrar que o BNG votou no seu día en contra da privatización deste servizo, e continuamos opinando que sería moito mellor que fose prestado directamente polo concello, con persoal suficiente contratado pola propia administración.