O Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha emitiu un comunicado no que tras a celebración este luns do Pleno de Organización do Concello, este votou en contra, como xa fixo nos anteriores mandatos, no punto da «fixación da periodicidade das sesións ordinarias do Pleno» ao non estar dacordo co horario proposto polo goberno municipal. Dende o BNG considérase que este horario, ás 13.30 horas, é un impedimento para que boa parte da cidadanía poida asistir como público ás sesións, o cal vai en detrimento da democracia participativa en canto ao coñecemento das decisións que alí se toman.
Por outra parte, o BNG considera que o nomeamento de dous homes como tenentes de alcalde pon de manifesto que non se acadou a igualdade real entre homes e mulleres dentro do grupo de goberno, pois non se entende que as dúas concelleiras con responsabilidades de goberno queden excluídas neste nomeamento e que sexa, pola contra, un concelleiro home e que non ten ningunha responsabilidade específica en área ningunha, o proposto para ser segundo Tenente de Alcalde.