- Na moción que presentarán no vindeiro Pleno municipal pedirán a elaboración dun plan económico para reactivar Galicia
O Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, a través do seu portavoz Xoán Manoel Sande Muñiz, presentará no vindeiro Pleno Ordinario unha moción para a elaboración dun plan galego de reactivación económica.
Entre as medidas que levarán a debate, o BNG instará á Xunta de Galicia a elaborar dito plan en consenso con todas as administracións, forzas políticas e sectores sociais, facilitando unha clara delimitación das competencias das administracións para evitar baleiros no emprego dos recursos políticos.
Ademais, desde o partido nacionalista tamén instarán á Xunta e á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a esixir a derrogación da Lei Montoro para permitir que os concellos poidan desenvolver toda a súa capacidade de investimento e gasto; e demandarán un plan galego urxente de axudas a autónomos e pemes que complemente as medidas do Estado.
Sande tamén aproveitará para manifestar a «firme oposición da corporación municipal a calquera pretensión do Ministerio de Facenda de incautar ou bloquear os fondos municipais».
Estas medidas aportadas polo BNG da Laracha responden a un plan para paliar do mellor xeito as consecuencias que se están derivando da pandemia global da COVID-19 que, segundo o partido, van a ter «unha virulencia especial na Galiza, cunha situación económica xa moi debilitada e dependente».
«Están a ser cada vez máis preocupantes as informacións en distintos medios de comunicación da intención do Ministerio de Facenda de utilizar os depósitos remanentes municipais, no canto de permitir que sexan utilizados polos concellos en actuacións da súa competencia», sinala o BNG da Laracha nun comunicado, onde tamén indican que «esta decisión deixaría á administración local sen ningunha capacidade de acción».