O BNG da Laracha levará ao Parlamento o peche dunha unidade do CEIP de Caión

1 minutes read
  • No concello da Laracha xa non quedan escolas unitarias tras o peche da de Montemaior

O BNG da Laracha presentará unha iniciativa no Parlamento Galego en relación ao peche dunha unidade no CEIP de Caión. A comunidade deste colexio foi informada recentemente de que no vindeiro curso pechará unha das seis unidades coas que viñan contando no curso pasado. Este é «un novo recorte no ensino público nun concello coma o da Laracha onde xa perdemos todas as escolas unitarias despois do recente peche da de Montemaior», sinala o portavoz municipal do BNG, Xoán M. Sande Muñiz.

Desde a formación opóñense a este recorte nun colexio que «conta con varios alumnos con necesidades especiais e onde non se xustifica o peche dunha unidade», polo que demandarán á Xunta de Galicia o mantemento do centro escolar.

Na Costa da Morte hai outro caso de recortes en centros escolares: o CEIP Areouta. Hai case dúas semanas houbo mobilizacións no concello de Fisterra tras coñecer que a Consellería de Educación xuntará nunha mesma unidade primaria a 17 nenos de diferentes idades e cun só mestre.

Moción PSOE

Por outra banda, o PSOE larachés levará ao pleno deste venres varias mocións, unha delas relativa á mellora da seguridade viaria na contorna do CEIP Ramón Otero Pedrayo durante a execución das obras que se tan acometendo. En concreto solicitan un camiño provisional fixado con bolardos dende a escola unitaria da Areosa ata a entrada pola que accede o alumnado.

Outra das mocións xira entorno á elaboración dun plan municipal transversal de prevención do acoso lgtbifóbico nos centros escolares e, por último, solicitarán que se proceda á corta da maleza que hai en Montesclaros.