O BNG da Laracha levará ao pleno a problemática do prezo do leite

PIXABAY

  • A formación considera que a Xunta debe promover un encontro entre todos os actores da cadea de produción

O BNG da Laracha rexistrou unha moción para ser debatida no próximo pleno sobre a problemática do prezo do leite, unha situación que pon en risco a todo o sector lácteo.

Nesa moción ínstase á Xunta a que promova, a través da Consellería de Medio Rural, un foro de encontro, debate e negociación no que estean representados todos os actores da cadea de produción e obtención do leite como produtores, cooperativas, industria e, de forma especial, distribución.

Por outra banda, os nacionalistas consideran necesario solicitar ao Goberno estatal que no desenvolvemento da Lei da Cadea Alimentaria se dote aos sectores produtivos dunha ferramenta obxectiva que fixe uns custos de produción de referencia vinculantes e obrigatorios.

O sector lácteo está en pé de guerra debido á caída dos prezos do leite que, ademais, coincide cun incremento dos custos de produción tanto pola suba da factura da luz como de materias primas e alimentarias básicas, poñendo en risco un sector que é fundamental para a economía e para a preservación do medio rural.

Desde Unións Agrarias xa anunciaron que se non se intervén procederán a presionar á industria e mesmo solicitarán á cidadanía que «boicoteen a compra dos seus produtos».