- Desde a agrupación nacionalista sinalan que o concello larachés cumpriría cos requisitos en base á Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia
O BNG da Laracha levará ao próximo pleno ordinario da corporación unha iniciativa para instar á Xunta de Galicia a aprobar a concesión dunha quinta farmacia no concello, concretamente para a zona de Paiosaco, en base á Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia. «Hai moitos anos que a veciñanza de Paiosaco vén reivindicando a necesidade dunha oficina de Farmacia na localidade, o segundo núcleo de poboación máis importante do concello», destaca o voceiro grupo municipal do BNG na Laracha, Xoán M. Sande.
A Lei 3/2019 de Ordenación Farmacéutica de Galiza establece no seu artigo 32 os “módulos de poboación” para as zonas farmacéuticas semiburbanas, como é o o municipio larachés. Segundo o documento oficial, nas zonas farmacéuticas semiurbanas poderá establecer unha por cada 2.500 habitantes empadroados, agás que se supere esa proporción en 1.500; neste suposto poderá establecerse unha nova oficina de farmacia sempre e cando se constate un incremento neto poboacional desa zona nos últimos cinco anos.
Sande, a falta de coñecer a cifra oficial, destaca que o concello da Laracha supera os 11.500 habitantes, e que desde fai cinco anos se contatou un incremento neto poboacional, pois ao remate do ano 2016 no municipio había 11.295 empadroados. Estes datos efectuarían un balance positivo a favor da instalación da farmacia.