O BNG da Laracha levará ao próximo pleno unha moción en defensa da frota pesqueira galega


Xoan M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, emitiu unha nota cunha exposición de motivos polos que levará ao próximo pleno unha moción en defensa da frota pesqueira galega.

A Comisión Europea vén de impoñer un novo regulamento que se traduce no peche para a pesca nun total de 87 zonas do Atlántico nororiental, o que afecta a unha superficie superior a 16.000 quilómetros cadrados e que terá consecuencias negativas para os buques equipados con artes de fondo como redes de arrastre de fondo, dragas, palangre de fondo, entre outros. Unha medida que entrará en vigor en poucos días e que suporá a expulsión da frota galega de fondo, podendo reducir até nun 75% as súas capturas.

Este regulamento, imposto desde a Comisión Europea (CE) sen un contraste e interlocución efectiva co propio sector, é un novo golpe que se engade ás limitacións de TACs e cotas de pesca, ao impacto derivado do Brexit, ou á aplicación das medidas de conservación e dun regulamento técnico e de control, que viñeron a limitar e dificultar a faena da frota galega.

Por elo, dende o BNG da Laracha pide:

  1. Instar a Xunta de Galiza a:
    1. Convocar con carácter inmediato o Consello Galego de Pesca para organizar unha resposta unitaria de todo o sector do mar e de todo o tecido social do país (partidos políticos, organizacións sectoriais, sindicais, sociais, etc.) ante o grave golpe que supón a prohibición da pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico nororiental, decretada pola Comisión Europea.
    1. Defender á frota galega da pesca de artes de fondo esgotando todas as vías posíbeis e que, de acordo co sector, se consideren.
    1. Iniciar de inmediato o procedemento xudicial en contra da decisión da Comisión Europea.
  2. Instar ao Goberno español a:
    1. Despregar todas as accións que como estado membro poida exercer para lograr a anulación do regulamento imposto pola Comisión Europea.
    1. Esixir no inmediato a suspensión da entrada en vigor do regulamento.