O grupo municipal do BNG da Laracha levará dous rogos ao próximo Pleno Ordinario da Corporación (a celebrar o último venres deste mes de xullo ás 13:30 horas). Trátase dunha solicitude para que se arranxe a estrada que vai do lugar do Priorato en Soandres (onde está a igrexa-mosteiro) cara ás Senras e Encián.
Afirman que se atopa nun lamentable estado de conservación, con moitas fochancas e un firme en moi mal estado, desde hai moito tempo. As veciñas e os veciños que viven na zona ou utilizan esta vía teñen dereito a unhas infraestruturas en condicións xa que pagan os seus impostos igual que o resto da veciñanza do concello, afirman desde o BNG.
A outra solicitude será para o arranxo dunha pista forestal que está ao pasar o lugar do Priorato en Soandres e conecta con esa mesma estrada, ou a súa inclusión nalgún dos plans da Consellería de Medio Rural. Quéixanse veciñas e veciños que fan uso desa pista que mesmo teñen dificultade para acceder cos tractores, din os nacionalistas.