O BNG da Laracha mostra a súa preocupación pola ‘falta de policías locais na localidade’

1 minutes read

Os nacionalistas emitiron un comunicado no que inciden que segundo as ratios recomendadas pola FEMP (Federacion Española de Municipios e Provincias) A Laracha debería contar con 17 postos de Policía Local e, se nos fixamos nas recomendacións da UE, este número elevaríase a 20.

“Pero a realidade é que na RPT do Concello da Laracha, figuran 6 prazas de Policía Local e outra máis de Cabo que leva anos vacante. A todo isto súmanse varias baixas que non foron cubertas, polo que agora mesmo a situación do servicio é claramente precaria, e máis se a sumamos a que tampouco se suple coa Garda Civil, que depende do cuartel de Carballo”, afirman.

“Dende o BNG consideramos que non se pode deixar o groso da seguridade do municipio só en mans de Protección Civil. É insuficiente o número de prazas de Policía Local para garantir a seguridade nun concello que volve a contar nos últimos tempos con ocio nocturno nas fins de semana, unido a un bo número de festas parroquiais durante todo o ano ou, sen ir máis lonxe, as feiras quincenais de Paiosaco, moi concorridas”, conclúen os nacionalistas.