O BNG da Laracha pedirá explicacións no Pleno sobre o soldo do concelleiro de Obras

1 minutes read

A Alcaldía considera que existen motivos suficientes para que o Pleno recoñeza a dedicación exclusiva do concelleiro encargado da dirección interna e a xestión do servizo de Patrimonio, Obras e Urbanismo, Pablo Cambón Bértoa, debido á complexidade e a gran cantidade de traballo que conleva co fin de acadar o mellor funcionamento do servizo municipal.

Postura discrepante é a do BNG local, que afirma que «esta iniciativa chega só 3 meses despois do Pleno de Organización, onde, á proposta do propia Alcaldía, deixaba sen retribución económica de ningún tipo á concellería de Patrimonio, Obras e Urbanismo delegada no concelleiro Pablo Cambón».

Os nacionalistas consideran que unha concellería tan importante coma esta debe ter dedicación exclusiva por parte de quen a ostente, polo tanto non se entendía porqué non conlevaba o correspondente soldo, e así o manifestaron no devandito Pleno. Afirman que non obtiveron resposta de ningún tipo. Deste xeito, a lexislatura 2023-27 arrincaba cunha dedicación exclusiva remunerada menos ca nos anteriores mandatos. 

Naquel momento, «a pesares de estar en contra da subida de máis de 700 euros/mes en 14 pagas, correspondentes ás  retribucións económicas das outras 3 concellerías con dedicación exclusiva, o noso voto foi de abstención por non verse incrementado de maneira sustancial o conxunto dos soldos desde o 2019″, din dende o BNG

«Agora, atopámosnos con que o grupo de goberno pretende «colar» á cidadanía un soldo que suporá 40.880 euros anuais de incremento ás arcas municipais ( 2.920 euros en 14 pagas) sen ningún tipo de explicación de porqué non se fixo no seu momento, xa que son de sobra coñecidas as responsabilidades que conleva esta concellería», conclúen os nacionalistas.