O BNG da Laracha pide a retirada definitiva dos pneumáticos depositados en Lendo

Imagen de archivo del depósito de neumáticos en Lendo_BNG A Laracha

  • A Xunta iniciara a reciclaxe destes residuos no ano 2017

O BNG da Laracha, a instancias do grupo parlamentario da propia formación, rexistrou unha serie de iniciativas en relación coas rodas usadas acumuladas nas instalacións do Grupo Campo en Lendo, no concello de Laracha, que nos anos 90 chegou a ser o “punto de acumulación de pneumáticos de maior dimensión e cantidades de toda Galiza con case 35.000 toneladas”, destacan os nacionalistas. O grupo municipal do BNG de A Laracha preguntou en numerosas ocasións ao goberno local polos destinos deses obxectos, ao que se lle contestou que o seu futuro era “a reciclaxe nunha planta do mesmo grupo empresarial noutro lugar”, sinala o portavoz da formación municipal Xoán M. Sande Muñiz.

En febreiro de 2017, os grupos da cámara aprobaron por unanimidade unha proposición non de lei do BNG, transaccionada co Partido Popular, instando á Xunta de Galicia a continuar coa xestión dos residuos pneumáticos a través do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galiza 2016-2022, así como a completar a retirada dos acumulados en depósitos e vertedoiros
incontrolados. Nesta iniciativa xa estaba presente a problemática de Lendo.

Meses máis tarde, en abril, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático supervisaba in situ o inicio da retirada dos pneumáticos desta zona larachesa, anunciando que os traballos rematarían ao ano seguinte. Sen embargo, tal e como sinalan desde o BNG da Laracha, en agosto do 2018 a propia Consellería de Medio Ambiente recoñecía o retraso no proceso sen poder precisar unha data exacta e definitiva da finalización das actuacións.

Retrasos que continúan na actualidade pois “aínda a primeiros do ano pasado o 40% dos pneumáticos depositados permanecían no mesmo lugar e, fai uns días, dende fóra do propio recinto eran visibles grandes cantidades destes elementos alí acumulados”, expón Sande Muñiz. Por todo isto, a formación nacionalista, desde o Parlamento Galego, insta á Xunta de Galicia a que complete “de forma inmediata” o proceso de retirada.