O BNG da Laracha pide adaptar a ordenanza de terrazas á realidade

PIXABAY

  • Os nacionalistas presentaron unha moción na que tachan a norma de «obsoleta»

O BNG da Laracha, a través do seu portavoz Xoán Manoel Sande Muñiz, rexistrou unha moción para o seu debate no próximo pleno de cara a iniciar o proceso de modificación da ordenanza de terrazas. A principal motivación deste cambio é a necesidade de adaptar as normas á realidade. Na actualidade, e tal e como se recolle no artigo 4, a tempada para instalar mesas, cadeiras e elementos similares nas terrazas abrangue desde o 15 de maio ata o 15 de setembro, unha situación que para o BNG larachés está «obsoleta».

«As terrazas son demandadas e utilizadas durante todo o ano», sinala Sande Muñiz, facendo fincapé en que agora máis que nunca, debido á situación derivada da Covid, é preciso actualizarse porque estes espazos son «máis seguros» que os pechados.

Por outra banda, na moción tamén se insta ao goberno local a que se regule a instalación de estruturas que permitan utilizar as terrazas durante todo o ano.