O Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha, Xoán M. Sande Muñiz, emitiu un comuinicado no que afirma que o vixente PXOM, aprobado no ano 2003, establece os seguintes criterios para a súa revisión: necesidade de adaptación a un novo marco legal; cambio de circunstancias económicas, poboacionais, sociais, que impliquen novas necesidades da comunidade; cando teña transcorrido un prazo de 10 anos desde a súa aprobación, salvo acordo en contrario; cando a capacidade potencial de vivendas chegue a esgotarse en máis dun 80%.
Segundo o BNG, os tres primeiros criterios xa se cumpren, dado que pasan xa de 18 anos da súa aprobación, as circunstancias económicas e sociais mudaron substancialmente, e o marco legal tamén mudou. «É por iso que desde o Grupo Municipal do BNG rexistramos unha pregunta para a próxima sesión plenaria na que preguntamos ao goberno local pola revisión do PXOM»; ¿ten previsto o goberno municipal iniciar a revisión do PXOM vixente despois de pasados máis de 18 anos da súa aprobación e en base ao establecido no propio PXOM respecto da súa revisión?, conclúe.
