Carolina Castiñeiras, en representación do grupo municipal do BNG da Lacha asinou a presentación dun reurso de alzada contra o proxecto do parque eólico do Coto Loureiro. Queren deste xeito manifestar o seu rexeitamento ao parque, novamente, e mostrar o seu apoio á plataforma de afectados “Salvemos o Noso”. Lembramos que o Diario Oficial de Galicia do mércores 31 de maio de 2023 recollía unha resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se concedía a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para as instalacións do parque eólico de Coto Loureiro, que irá emprazado en terreos dos municipios da Laracha e Cerceda.
Este proxecto eólico está promovido por Adelanta Corporación, S.A. e conta cun orzamento de execución material de 36,3 millóns (máis IVE). A potencia instalada sería de 49,5 megawatts e a produción neta prevista de 143.581 megawatts hora anuais. Constaría dun total de 11 aeroxeradores de 4,5 megawatts de potencia nominal unitaria. Catro deles dunha altura de buje de 82 metros e os sete restantes de 105 metros, en tanto que o diámetro de rotor sería de 136 metros.
Segundo o BNG, o impacto xeral provocado pola acumulación de parques eólicos pode xerar graves afeccións tanto á poboación como aos animais da zona. Preocupa, especialmente, a situación da avifauna e os quirópteros, dado que esta concentración de parques podería supor un incremento significativo da mortalidade, do efecto baleiro (abandono da zona) e do efecto barreira. Neste último caso, cuxo resultado directo sería o da perdida de conectividade ecolóxica, vulnera de xeito flagrante a disposición incluída na Lei 5/2019, de 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galiza.
Mentres que Galiza ten unha potencia eólica instalada de 3866 MW, outras comunidades como Madrid ten 0 MW, Euskadi, 153 MW e Cataluña 1271 MW.
En canto aos parques eólicos en tramitación, mentres que Galiza ten arestora 300, Madrid non ten ningún, Euskadi ten 12 e Cataluña, 8.
Deberan reflexionar seriamente sobre se é necesario realmente seguir implantando máis aeroxeradores e máis liñas eléctricas porque a presión eólica é excesiva na Costa da Morte e sobre todo na área de implantación do proxecto eólico Coto Loureiro, matizan dende o BNG larachés.