O Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno na que reclama avanzar cara a unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e responder ao que cualifica como un “rearmamento do machismo” con máis políticas feministas.
A iniciativa preséntase ás portas do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, unha data que o BNG reivindica como unha xornada de mobilización e recoñecemento ás loitas feministas que abriron camiño na defensa dos dereitos das mulleres, especialmente no ámbito económico e laboral.
Desde o BNG sinalan que, malia o relato que fala dunha igualdade xa acadada, a realidade das mulleres galegas continúa marcada por fortes desigualdades en múltiples ámbitos. A formación destaca especialmente a situación sociolaboral, onde persisten indicadores que evidencian unha clara desvantaxe das mulleres no emprego, con maiores taxas de desemprego, temporalidade e precariedade.
A portavoz municipal do BNG, Carolina Castiñeiras, advirte tamén das consecuencias das diferentes crises dos últimos anos e da insuficiencia das políticas públicas para facer fronte a esta situación, que “impacta de maneira especial nas mulleres, particularmente pola crise dos servizos públicos”.
Neste sentido, o BNG denuncia que a falta de compromiso por parte da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado repercute directamente no sostemento de servizos esenciais e altamente feminizados, como o Servizo de Axuda no Fogar. Así mesmo, critican as políticas privatizadoras que afectan a servizos vinculados á igualdade, como os Centros de Información á Muller ou os centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual.
A formación nacionalista lembra tamén que a desigualdade se agrava en función doutros factores como a migración, a monoparentalidade ou a mocidade, e que esta realidade se manifesta con especial intensidade no rural galego, onde se suman peores indicadores económicos e unha menor dispoñibilidade de servizos públicos.
Ademais, o BNG alerta do incremento dos feminicidios rexistrado no ano 2025 e da falta de medidas extraordinarias por parte das administracións para facer fronte a esta situación.
Propostas da moción
A través da moción presentada no Concello da Laracha, o BNG propón que a corporación municipal reafirme o seu compromiso coa loita feminista e co apoio ás mobilizacións convocadas polo feminismo galego organizado con motivo do 8 de marzo.
Entre as medidas propostas, a formación tamén solicita á Xunta de Galiza a creación do Instituto Galego das Mulleres, un organismo público con personalidade xurídica propia, orzamento e autonomía de xestión que impulse políticas de igualdade de maneira transversal en todos os ámbitos da sociedade galega.
Así mesmo, a moción reclama reforzar a rede de Centros de Información á Muller mediante un novo marco regulamentario e orzamentario que permita ampliar estes servizos, especialmente nas zonas onde non existen ou están sobrecargados, garantindo ademais persoal suficiente e contratacións a xornada completa.
Desde o BNG subliñan que avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria require “máis compromiso político, máis recursos públicos e o impulso decidido das políticas feministas”