Carolina Castiñeiras, concelleira do Grupo Municipal do BNG da Laracha, presenta, para o seu debate no vindeiro Pleno da Corporación Municipal, o seguinte ROGO:
«En anteriores ocasións temos demandado a instalación de aparatos biosaludábeis na parroquia de Lestón, ao igual que nestes anos se foron instalando noutros lugares do noso Concello.
Ante a negativa deste goberno municipal na pasada lexislatura de facer caso a esta reivindicación tan sinxela, optamos por insistir e traer o tema de novo ao Pleno da Corporación Municipal. Agora imos un paso máis aló e propoñemos un lugar que, ao noso entender, sería o idóneo para acoller estes aparatos que a xente de Paiosaco e parroquia de Lestón teñen dereito a desfrutar. O lugar proposto sería o entorno do centro sociocultural, pois non se precisa moito espazo para a ubicación dos aparatos e o que hai detras do parque e o propio edificio sería máis que suficiente.
Ademais, queremos dar traslado das queixas e preocupacións que nos achegaron pais e nais usuarios do parque infantil que existe nesta mesma ubicación, polo estado de deterioro no que se atopan algúns elementos como a estrutura do bambam e a caseta».
Por todo o exposto SOLICITAMOS:
- A instalación de aparatos biosaludábeis para xente maior na contorna do Centro Sociocultural de Paiosaco.
- A reparación dos elementos en mal estado no parque infantil do centro sociocultural de Paiosaco.