- Actualmente o concello comparte este servizo cos centros de saúde de Cerceda e Cabana de Bergantiños
O BNG da Laracha levará ao pleno ordinario da corporación, que se celebrará o próximo venres 29 de maio, unha moción pola que reclamará a recuperación do servizo de matrona de luns a venres no centro de saúde da Laracha.
Un servizo que, segundo o portavoz municipal do partido Xoán Manoel Sande, foi recortado nos últimos anos ata poder levarse a cabo tan só dous días á semana ao ser compartido polos centros de saúde de Cerceda e Cabana de Bergantiños. Isto provoca ademais esperas que desde o partido nacionalista consideran «inadmisibles».
«Consideramos que unha matrona consultando só dous días á semana é totalmente insuficiente para o noso concello, pois trátase dun servizo que atende non só a mulleres xestantes senón tamén a mulleres de calquera idade», sinala Sande, quen ademais destaca que, actualmente, as matronas realizan moitas das funcións que antes desenvolvían os especialistas en tocoxinecoloxía, como por exemplo a realización de citoloxías.