- O Grupo Municipal do BNG da Laracha defenderá no vindeiro Pleno unha moción para instar á Consellería de Educación da Xunta a adoptar as medidas.
A formación nacionalista denuncia que arredor dunha trintena de familias quedaron sen acceso a este servizo esencial debido á insuficiente capacidade do comedor do centro, o que supón un grave prexuízo para a conciliación familiar e laboral e para o benestar do alumnado.
Desde o BNG lembran que esta non é unha situación puntual, senón un problema que se repite cada curso nalgún dos centros educativos do concello. «É inaceptable que ano tras ano as familias teñan que mobilizarse para reclamar un servizo básico como é o comedor escolar», sinala a voceira municipal, Carolina Castiñeiras.
A moción destaca que a falta de prazas dificulta especialmente a conciliación das familias con horarios laborais incompatibles coa recollida do alumnado ao mediodía e incrementa as desigualdades sociais, xa que non todas dispoñen dos mesmos recursos para facer fronte a esta situación. Ademais, o comedor escolar constitúe un servizo fundamental para garantir unha alimentación axeitada durante a xornada lectiva e contribuír ao correcto desenvolvemento educativo e persoal dos nenos e nenas.
O BNG considera que a responsabilidade de resolver este problema corresponde á Consellería de Educación, que debe ampliar a capacidade do servizo mediante as actuacións necesarias, xa sexa ampliando as instalacións, habilitando espazos provisionais ou implantando quendas que permitan atender todas as solicitudes.
Ao mesmo tempo, a formación reclama ao Goberno municipal que defenda con firmeza os intereses da veciñanza e esixa á Xunta unha solución inmediata para evitar que ningunha familia quede sen este servizo no inicio do curso.
Por todo iso, o Grupo Municipal do BNG solicita o apoio da Corporación para instar á Consellería de Educación a atender as demandas das familias do CEIP Otero Pedraio e garantir que todas as solicitudes de praza no comedor escolar sexan resoltas favorablemente.