O BNG da Laracha reclama axudas locais para os estudantes de música

1 minutes read
  • Levará ao pleno unha moción para valorar a creación dunha escola de música municipal

O BNG da Laracha levará ao próximo pleno unha moción para que desde o goberno local se destine unha liña de axudas para estudos ou actividades relacionadas coa aprendizaxe musical. No texto tamén se pide valorar a creación dunha escola de música municipal no Concello co fin de «ampliar a oferta de educación musical e a promoción de novas artistas», sinala a concelleira do BNG na Laracha, Carolina Castiñeiras Brandón.

Os nacionalistas destacan que hai diversos estudos onde se demostra que a aprendizaxe musical axuda ao desenvolvemento do cerebro dende idades temperás, contribuíndo a áreas como a linguaxe, as matemáticas, ou incluso para reforzar ao alumnado que teña dificultades na aprendizaxe.

Ademais, Castiñeiras lembra que na localidade hai «un forte tecido asociativo no ámbito da música tradicional» e interese dos veciños por diferentes instrumentos, e disto «dan boa conta as dúas escolas privadas de música que hai na Laracha, desde donde algúns dan o paso ao Conservatorio».

«Dende o BNG pensamos que é moi probable que existan rapaces e rapazas que deixen esta actividade (a música) ou que nin a comecen polo custo económico que supón para as familias», destaca a Castiñeiras, quen ademais precisa que desde o goberno municipal deberían contemplarse axudas, seguindo o exemplo das bolsas para deportistas individuais.