O BNG da Laracha reclamará no pleno que se actúe contra o «abuso» das entidades bancarias

1 minutes read
  • Os nacionalistas seguen mostrando o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores afectados polas fusións que causan o peche de oficinas

O grupo municipal do BNG da Laracha levará ao próximo pleno da corporación unha moción contra os abusos das entidades bancarias, e en apoio ás reivindicacións dos traballadores afectados polas consecuencias das fusións que conlevan o peche de oficinas e despedimentos.

Segundo o voceiro da formación, Xoán M. Sande, instarán ao goberno central a poñer en marcha os cambios necesarios no ámbito da regulación do sector bancario para «poñer freo ás consecuencias do aumento da concentración bancaria, do incumprimento das normas de competencia e do agravamento da exclusión financeira». Todo isto ten como obxectivo «dar resposta á escalada de abusos bancarios en materia de restricción de servizos, pacto de horarios para limitar os servizos de caixa, incremento de comisións e reducións drásticas de oficinas e persoal».

Por outra banda, tamén solicitarán á Xunta de Galicia a que desenvolva, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo, campañas colectivas de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos.