O BNG larachés rexistra unha moción para que Xunta e Estado tomen medidas ante a inflación dos prezos

PIXABAY

  • Demandan a intervención do Goberno central no sector enerxético, unha baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos ou a actualización do Ingreso Mínimo Vital

A concelleira do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras Brandón, presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno en relación á crítica situación económica que están vivindo moitas persoas debido á inflación dos prezos en todos os sectores.

Os nacionalistas sinalan que a taxa de inflación interanual en Galicia durante o pasado febreiro foi do 8% superando, outro mes máis, a rexistrada no conxunto do Estado (7,6%). «Isto quere dicir que en febreiro de 2022 as galegas e os galegos eramos un 8% máis pobres que un ano antes», afirman desde o partido, polo que consideran urxente que as administracións adopten medidas para que a xente «poida vivir dignamente».

Na sesión plenaria que se celebrará o próximo venres, día 25, o BNG instará ao Concello da Laracha a demandar do goberno central unha intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, recortar os beneficios das eléctricas ou impulsar unha tarifa eléctrica galega, entre outras medidas. Tamén reclamarán que haxa unha baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, os produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, o transporte público, a electricidade e o gas.

Na moción tamén quedou rexistrada a petición dunha redución temporal das peaxes, dos impostos sobre hidrocarburos e doutros custos que afectan ao transporte así como a rebaixa dos prezos dos títulos de transporte público, tanto ferroviario como por estrada. Unha demanda que neste caso se estende á Xunta de Galicia, á que tamén solicitan que colabore co Executivo estatal para protexer o sector agro-gandeiro e marítimo-pesqueiro evitando a venda a perdas, impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración e impulsando axudas polo incremento dos custos de produción, particularmente enerxía e combustibles.

Por outra banda, o BNG tamén demanda a ambos gobernos a revisión impositiva para «unha fiscalidade xusta e redistributiva» que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerables contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que «pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza». Ademais, piden a actualización do Ingreso Mínimo Vital e a intervención pública no mercado da vivenda para facilitar o acceso da xente nova e das rendas máis baixas poñendo a disposición da Xunta as 2.735 vivendas da SAREB para se empregaren como vivendas sociais.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha