O BNG da Laracha solicita máis servizos sanitarios


  • O Portavoz do Grupo Municipal do BNG no concello da Laracha, Xoán Manoel Sande Muñiz, presenta unha moción para o seu debate no próximo Pleno.

Desde o BNG da Laracha demandan unha maior dotación de servizos sanitarios para o Concello, servizos que consideran moi necesarios e dos que xa contan desde hai moitos anos outros concellos con similar poboación. De feito, o concello da Laracha é o único de toda a área sanitaria da Coruña, con máis de 10.000 habitantes, onde non hai consultas ordinarias en horario de tarde, como tampouco existe a posibilidade de facer trámites administrativos en horario de tarde na Laracha nin en ningún horario no Consultorio de Caión, según Sande.
Afirma Sande Muñiz que “na Laracha precísase crear como mínimo unha praza máis de médico e outra de enfermaría, preferíbelmente en horario de tarde, pois os profesionais que prestan os seus servizos na actualidade están xa bastante saturados e atopámonos con esperas de varios días, algunhas veces unha semana ou máis, para unha cita normal co médico de cabeceira”.
“O concello de Betanzos, cunha poboación que supera en apenas 1.000 habitantes o da Laracha, conta con 9 Médicos de Familia, algúns deles consultando en horario de tarde (2 máis que no noso concello onde contamos con 6 Médicos na Laracha e 1 en Caión), e conta tamén con dous Pediatras (na Laracha temos unha para unha poboación de 0 a 14 anos duns 1.200 nenas e nenos). Todo isto para atender unha poboación de pouco máis de 12.000 habitantes, sen contar outros servizos que atenden tamén a poboación doutros concellos como odontoloxía, fisioterapia, farmacia, RX e outras especialidades. Só para a poboación de Betanzos (apenas 1.000 habitantes máis que A Laracha) hai dous Médicos de Familia máis (algúns de tarde) e un Pediatra máis que no noso concello”.

O de Betanzos é só exemplo, di Sande, como poderiamos poñer outros, de cómo no concello da Laracha non contamos cos mesmos servizos sanitarios cos que conta a poboación doutros concellos da nosa mesma área sanitaria. Acaso somos cidadáns de segunda as persoas que vivimos no concello da Laracha? Acaso non pagamos os mesmos impostos e non temos dereito aos memos servizos que as persoas doutros concellos?
A realidade é esta, e o certo é que coas novas instalacións para o PAC non hai previsto ningún novo servizo no Centro de Saúde da Laracha.

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG somete á consideración da Corporación Municipal en Pleno a aprobación do seguinte ACORDO:

O Pleno do Concello da Laracha insta á Xunta de Galicia a dotar dos seguintes servizos sanitarios:

  1. Consultas ordinarias en horario de tarde no Centro de Saúde da Laracha e servizos administrativos, cun mínimo dunha consulta médica, unha de enfermaría e unha praza de Persoal de Servizos Xerais.
  2. Creación dunha consulta de Odontoloxía no Centro de Saúde da Laracha, cun mínimo de un/unha odontólogo/a e un/unha hixienista dental.
  3. Dotación dunha praza de Persoal de Servizos Xerais no Consultorio de Caión.
  4. Maior dotación para o servizo de pediatría.
  5. Substitucións do persoal durante as súas ausencias por permisos, baixas e vacacións.