Ante a situación pandémica que vivimos, e a realidade na que vemos cómo os contaxios da COVID-19 van aumentando na área sanitaria da Coruña chegando tamén á localidade, desde o Grupo Municipal do BNG da Laracha entenden que a administración local debe colaborar coa hostalaría e o comercio local achegando información, guías e protocolos de actuación para que os/as profesionais saiban cómo deben actuar ante a clientela.
«Sobre todo no caso da hostalería, entendemos que non se debe “criminalizar” este sector económico, que evidentemente debe velarse polo cumprimento da normativa mais tamén tratar de axudar ao sector que se atopa con moitas dificultades á hora de facer cumprir as normas á clientela. Por iso sería bo que se elaborasen protocolos e guías para a hostalería e o comercio, informándolles das normas básicas que lles afectan en materia de prevención da transmisión desta enfermidade e o que teñen que exixir á súa clientela, e ata onde chega a responsabilidade da persoa propietaria do local nese sentido e onde comeza a responsabilidade individual de cada un e cada unha».
Desde o BNG larachés afirman que, «entre todas e todos debemos actuar con responsabilidade para tratar de frear os contaxios facendo algo tan sinxelo como levar a máscara en todo momento, gardar a distancia interpersoal e facer un continuo lavado de mans. É responsabilidade de todas e todos, e a administración debe velar polo cumprimento das normas e tamén achegar ferramentas ao comercio e a hostalería locais que lles axuden á hora de cumprir e intentar facer cumprir esas normas».