O BNG da Laracha tacha de propagandística a visita do conselleiro de Sanidade á localidade

Xoán M. Sande Muñiz. Foto.- nhdiario.es

  • O portavoz do grupo municipal do BNG no Concello da Laracha Xoán Manoel Sande Muñiz, móstrase moi crítico coa visita «propagandística» realizada polo conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña, este venres ao futuro PAC da localidade.

Segundo Sande Muñiz, trátase dunha nova foto para a prensa, mentres continúan os recortes que levamos padecendo todo o verán no Centro de Saúde da Laracha, ao igual que na práctica totalidade de centros de saúde da área sanitaria da Coruña e de toda Galiza.

A día de hoxe aínda hai listas de espera dunha semana e máis para algunhas das médicas de familia que consultan no C.S. da Laracha. Ante algunhas das ausencias das profesionais a administración directamente bloquea a axenda durante días e non é posíbel conseguir unha cita ata pasados varios días ou ata que a titular se incorpora despois das súas vacacións. Ese é o trato que recibimos as veciñas e veciños da Laracha.

Temos uns servizos sanitarios de atención primaria inferiores aos doutros concellos de similar poboación, seguimos sen dispór de consultas médicas en horario de tarde (o único concello da área sanitaria con menos de 10.000 habitantes que non o temos), unha única pediatra para máis de 1.200 nenos e nenas de 0 a 14 anos, carecemos de servizo de odontoloxía ou de RX, as veciñas e os veciños de Caión continúan sen poder tramitar unha cita no seu consultorio.

Está ben que se constrúa un novo edificio para o PAC pero mellor nos sería que esa construción fose acompañada dunha mellora dos servizos, e o que vimos padecendo nos últimos anos é un empeoramento. Podería aproveitar o Conselleiro de Sanidade, que é médico, para pasar consulta no C.S. da Laracha substituíndo algunha das profesionais que están de vacacións e dese xeito alixeirar a lista de espera!, conclúe Sande.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha