O BNG da Laracha valora o rexeitamento das súas enmendas aos orzamentos da Xunta

3 minutes read

A portavoz do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras, reuniuse co que até o 26 de decembro (momento en que se disolveu o Parlamento galego)  foi Deputado no Parlamento Galego, Daniel Pérez, para avaliar a negativa do Goberno da Xunta de Galiza a incluír as propostas nacionalistas para A Laracha, formuladas como emendas aos orzamentos autonómicos para o 2024.

Cómpre lembrar que as reivindicacións que se formularon para o concello da Laracha estaban centradas en melloras nas areas de Sanidade e Educación.

Así pois, no ámbito sanitario demandouse o aumento de persoal co obxectivo de mellorar os servizos que se prestan no Centro de Saúde da Laracha, dotándoo de 1 praza de traballo social, 1 praza de odontoloxía e 1 praza de hixienista dental. Tamén se recolleu a necesidade da  apertura do Centro de Saúde en horario de tarde, para o cal sería necesario dotar o servizo con con 1 PSX, 1 médico e 1 enfermeiro/a.

Doutra banda, e após coñecer as demandas do profesorado e as ANPAS que foron trasladadas ao Grupo Municipal e coñecidas por toda a veciñanza a través das reivindicacións e mobilizacións públicas, dende o BNG demandouse a inclusión nos orzamentos de partidas específicas destinadas a paliar as necesidades educativas no CEIP Otero Pedraio recuperando as prazas que foron suprimidas nos últimos anos de AL e PT, así como a creación doutra praza de Educación Infantil.

En canto ao  IES Agra de Leborís. Solicitouse recuperar as prazas que foron suprimidas nos últimos anos e así poder contar con 1 praza de PT , 1 praza de AL e 4 prazas de profesorado.

Ademais propúxose a redacción dun proxecto para a construción dun novo IES debido a falta de espazo do actual e a previsión do aumento de alumnado nos vindeiros anos.

Neste caso a emenda rexeitada polo PP no Parlamento, coincidiu coa argumentada negativa do Grupo Municipal do BNG a apoiar os orzamentos municipais a pasada semana, ao non se contemplar a posibilidade de adquirir, por parte do Goberno municipal, terreos lindeiros que no futuro puidesen engadirse o espazo útil deste centro educativo. Un espazo que, como insistiu a portavoz Carolina Castiñeiras, é claramente insuficiente.

Emendas todas elas rexeitadas sen xustificación algunha polo Partido Popular.

Ante a negativa do Goberno da Xunta do Partido Popular a atender estas demandas que dende o BNG consideran esenciais para mellorar a calidade de vida das larachesas e laracheses, por reforzar e protexer Servizos públicos de calidade, a portavoz municipal, Carolina Castiñeiras, trasladou o seu malestar e declarou que “é máis necesario ca nunca mudar o goberno da Xunta nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro”. Pola súa parte, Daniel Pérez coincidiu coa súa compañeira de organización nestas afirmacións e amosouse convencido “que o cambio vai ser posible, e o momento é agora”; e que “o concello da Laracha mellorará notablemente cun goberno do BNG á fronte da Xunta. Xa se demostrou que cando o BNG exerce responsabilidades no goberno galego, A Laracha nótao.  Tanto a Escola Infantil municipal coma o Centro de Día, son servizos básicos para a veciñanza que foron aprobados en tempos do bipartito por áreas xestionadas polo BNG. O novo goberno da Xunta de Galiza, co BNG á fronte, avanzará na defensa e mellora dos servizos públicos, nomeadamente na Laracha”.