A asemblea comarcal do BNG de Bergantiños vén de aprobar por unanimidade a candidatura de Ana Pontón á presidencia da Xunta. A portavoz nacional do BNG conta co respaldo absoluto da militancia da comarca, que ateigou a sede nacionalista de Carballo para amosar o seu apoio á, que din, será a próxima presidenta da Xunta de Galiza.
«Desde Bergantiños temos o convencemento de que Ana Pontón é a persoa idónea para afrontar o cambio que necesita o noso País, unha presidenta capaz de devolver a esperanza aos galegos e galegas e de liderar o proxecto de futuro que Galiza precisa».
Nese sentido, na asemblea comarcal púxose de manifesto a necesidade dun Goberno para todos os galegos e galegas, que garanta uns servizos públicos universais e de calidade e que remate coa «absoluta arbitrariedade da distribución dos recursos públicos á que nos ten afeitos o Partido Popular«.
«A proposta de Orzamentos para o ano 2024 é un novo exemplo da discriminación á que están sometidos pola Administración autonómica os concellos máis progresistas do País. Un ano máis, o Goberno do PP obvia as grandes necesidades da nosa comarca e do concello locomotora de Bergantiños: nin circunvalación, nin ampliación do polígono industrial, nin ambulancia medicalizada, nin unidade xudicial… Actuacións todas elas imprescindibles para o desenvolvemento económico e social non só de Carballo senón de toda a súa área de influencia».
Daniel Pérez puxo de manifesto o “nulo compromiso” da Xunta con Carballo, e non só nos Orzamentos do 2024 senón tamén nos anteriores. “Temos as mesmas necesidades que ao principio da lexislatura”, manifestou. O deputado nacionalista anunciou a presentación de emendas que contribuirían a paliar o desprezo do PP cara Carballo e Bergantiños.
Por outra banda, o responsable e a vicerresponsable comarcais, Marcos Trigo e Carolina Castiñeiras, deron conta á asemblea de distintas iniciativas nas que se está a traballar por parte da organización en Bergantiños.