O BNG de Cabana demanda da Xunta máis apoio e acción na defensa do traballo das mulleres

David Cancela-BNG Cabana

  • Os nacionalistas presentarán unha moción no próximo pleno con motivo do Día Internacional da Muller

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Cabaña de Bergantiños, a través do seu conselleiro David Cancela, levará ao próximo pleno unha moción relativa ás actuacións necesarias na loita a favor do feminismo.

Con motivo do Día Internacional da Muller e de todas as manifestacións que se levan a cabo no país para reivindicar o papel das mulleres e tamén mostrar os obstáculos cos que se atopan diariamente, o BNG pedirá «que se recoñezan e se apoien as convocatorias do feminismo galego autoorganizado que neste 2020 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político», sinala Cancela.

Ademais, pretenden que se lle demande á Xunta de Galicia o seu compromiso coa realización de estudos periódicos sobre o valor social e económico do traballo do fogar e do coidado. Desde o BNG alertan que este é un ámbito que «agocha moitas formas de traballo precarizado e mesmo alegal» e que non está o suficientemente estudado a pesar de ter un gran impacto na economía. «Cómpre lembrar, por exemplo, que o valor xerado polas actividades no ámbito doméstico representaría o 50,6% do PIB de Galiza segundo a última Conta Satélite publicada no ano 2013 respecto do ano 2010 e con base 2008», manifesta Cancela.

Outro dos puntos que levarán ao pleno os nacionalistas será que a Xunta poña en marcha programas relativos á Dependencia para garantir a súa prestación universal e en igualdade para todas as persoas usuarias, sen que iso dependa do Concello de residencia que conta con capacidades económicas diferentes e «que fai que por exemplo, os Concellos máis pequenos do interior xeralmente cunha media de idade máis alta teñan que suspender a prestación dos servizos por non poder facer fronte ao complemento que a Xunta obriga a pagar aos Concellos».

Segundo David Cancela, seguirán presentando mocións coma esta «aínda que sabemos que da última vez tivemos problemas por parte do alcalde e coa a súa política á hora de decidir o que entra e o que non entra na orde do día do pleno», xa que consideran que a veciñanza de Cabana e da bisbarra precisa estar informada para lograr un futuro mellor.


Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha