O BNG de Cabana demandará máis recursos para loitar contra a violencia de xénero


  • Segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial hai un 80% de feitos delitivos que non se denuncian

A formación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Cabana de Bergantiños presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno, que terá lugar no concello o luns 25 de novembro.

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde o BNG recoñecen que como sociedade déronse pasos adiante, pero é clave aumentar os recursos dispoñibles e é clave tamén visibilizar todo tipo de violencias machistas.

Segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial hai un 80% de feitos delitivos que non se denuncian. Malia isto, as denuncias teñen experimentado un incremento das agresións e as persoas expertas da cadea xudicial e de atención alertan ademais dun incremento na súa brutalidade.

Así mesmo, a Fiscalía Xeral do Estado ten alertado nas súas recentes edicións da Memoria Anual sobre o aumento da violencia e os delitos de natureza sexual entre as persoas máis novas e relacíonao directamente coa preeminencia da pornografía nas redes sociais e como forma de educación e socialización sexual.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción de diálogos co asociacionismo e o feminismo local de referencia para dar conta das súas demandas e non caer en debates xenéricos. Ademais tamén pide un incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2020 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Na moción presentada tamén se fai referencia á Xunta de Galicia, á que o BNG lle demanda unha mellora na atención e prevención da violencia machista e, particularmente, da violencia sexual.