O BNG de Camariñas denuncia que a Xunta ten no ‘absoluto abandono’ o servizo médico no municipio

1 minutes read
  • Xurxo Rodríguez, voceiro municipal dos nacionalistas, afirma que “o propio goberno central recoñece a precariedade coa que funciona o ISM de Camariñas.

A formación nacionalista sinalou que desde esta semana, a chamada médica de mar colleu vacacións e non foi substituída, “co prexuízo que iso supón para os usuarios e usuarias do servizo”. Ademais, apuntaron que a médica de terra que viña desenvolvendo o seu labor deixou de traballar no centro médico de Camariñas, e no seu lugar o Sergas asignou un facultativo que só atende tres horas ao día e xa ten a axenda de novembro pechada, polo que a xente que vai a pedir unha cita para dito mes non pode obtela.

“Por se fose pouco, o pediatra que vén atendendo tres días á semana ás nosas crianzas está de vacacións desde hai dúas semanas e a Xunta non cubriu a súa ausencia”, criticou o BNG camariñán, que subliña que o servizo pediátrico “é un servizo moi importante para as familias e a Xunta continúa a maltratalas”.

O voceiro municipal da organización nacionalista, Xurxo Rodríguez Baña, manifestou que “a veciñanza merece unha sanidade digna e non a pésima xestión que nos vén ofrecendo o Sergas, que non é quen de garantir o servizo; non dan cobertura ás vacacións e ás baixas do persoal, e condenan aos usuarios a ter que sufrir as carencias dunha atención totalmente inadecuada”.

O portavoz nacionalista engadiu que “os orzamentos da Xunta para 2026 son puro fume e vese no día a día, como agora en Camariñas co tema médico, que o teñen baixo mínimos e dá pena; ademais, encomendan á xente para que acuda á sanidade privada”.

Por último, Rodríguez afirmou que “o goberno galego trátanos como súbditos e cidadáns de segunda; seguiremos exixindo unha atención médica axeitada”.