O BNG de Camariñas reclama o arranxo da estrada principal de Camelle ante o seu “lamentable estado”

1 minutes read

O BNG de Camariñas reclamou ao goberno municipal que realice as xestións necesarias ante a Deputación da Coruña para acometer o arranxo da estrada principal de Camelle, unha vía de titularidade provincial que presenta actualmente un «lamentable estado”.

A petición foi formulada polo portavoz municipal do BNG, Xurxo Rodríguez Baña, durante o pleno ordinario celebrado o pasado venres, 25 de setembro. Os nacionalistas solicitan que o Concello traslade á Deputación a necesidade de actuar sobre esta estrada e que a vía sexa incluída nun próximo plan de obras.

Desde o BNG sinalan que o estado actual da estrada “é especialmente preocupante ao tratarse dunha zona urbana con presenza habitual de peóns”. Segundo a formación, a deterioración da calzada xa provocou diversas incidencias, entre elas golpes e caídas de persoas.

Xurxo Rodríguez reclamou que se adopten medidas para mellorar as condicións de seguridade da vía e que a actuación se leve a cabo “o máis axiña posible”.

Ademais da demanda formulada no pleno municipal, o BNG anunciou que tamén trasladará directamente á Deputación da Coruña a situación da estrada de Camelle  para que o ente provincial interveña e acometa as obras necesarias.

A formación nacionalista considera necesario que ambas as administracións coordinen os trámites para dar resposta ás deficiencias dunha vía que, pola súa localización e uso, ten un importante impacto na mobilidade diaria das persoas residentes e visitantes de Camelle.