O BNG de Camariñas vén de reiterar a necesidade urxente de acometer unha mellora integral na estrada provincial DP-1601, que une Ponte do Porto con Camelle, logo de que este sábado 3 de xaneiro volvera a producirse outro accidente de tráfico, onde unha persoa resultou ferida.
Os nacionalistas indicaron que dita estrada “cada vez está peor, e leva rexistrados máis de vinte sinistros nos dous últimos anos”, e advertiron que requírese unha actuación integral para mellorar o seu trazado e a seguridade. “Non chega cun simple asfaltado”, subliñaron desde o BNG, que insistiu en que seguirán a reclamar á Deputación da Coruña “para que actúe de forma urxente; non podemos permitir que se nos siga ninguneando”.
A formación nacionalista lembrou que leva anos advertindo do perigo da vía que une Ponte do Porto con Camelle, sinalando que “hai que deixar de ter unha infraestrutura doutra época, sen garantías de seguridade ningunha e que está a poñer en risco serio a vida das persoas”.
En setembro de 2025, o voceiro municipal do BNG, Xurxo Rodríguez, presentou unha moción no Concello para que a Corporación urxise á Deputación da Coruña a que dispuxese de orzamento para realizar unha reforma integral da estrada, mellorando o trazado e dotándoa de medidas de seguridade acaídas, tendo en conta a normativa actual na materia.