O BNG de Camariñas reitera a urxencia de arranxar a cuberta do Museo de Man

O voceiro do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez, reiterou no pleno municipal celebrado este venres 28 de novembro a demanda dirixida ao equipo de goberno para que acometa de forma urxente o arranxo da cuberta do Museo de Man, “que se atopa en lamentable estado, con filtracións de auga e pingueiras por todos os lados”.

“É prioritario actuar canto antes cunha reforma integral, para evitar o deterioro de todas as pezas que se expoñen no museo”, sinalou o portavoz nacionalista, que tamén volveu a realizar un rogo ao goberno local, xa feito nas últimas sesións plenarias, para que o Concello inste á Xunta de Galiza a construír a cuberta do parque infantil do CEIP de Camelle, e que así as crianzas poidan xogar no mesmo durante todo o curso escolar.

No apartado de preguntas, Xurxo Rodríguez interesouse polo estado en que se atopa a elaboración dos orzamentos municipais, e se o equipo de executivo local vai a contar coa oposición para melloralos. Ademais, preguntou se o equipo de goberno ten pensado actuar ante o mal estado no que se atopan diversos bens municipais, pola falta de mantemento e limpeza.

Related posts

O PSdeG esixe unha ‘reforma integral’ do colexio Labarta Pose de Zas

A Asemblea Aberta do Profesorado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso súmase aos «martes en loita»

Adxudicado o proxecto para reducir as infiltracións na rede de saneamento da Laracha