O BNG de Camariñas, a través de varias iniciativas parlamentarias do deputado Oscar Insua, vén de urxir de novo á Xunta de Galiza a que adopte as medidas necesarias para favorecer a recuperación dos bancos marisqueiros de Camariñas, resolvendo as axudas pedidas polas mariscadoras para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación, así como incrementando a dotación económica para que as traballadoras do mar obteñan semente para espallar na ría.
Así mesmo, a formación nacionalista instou ao goberno galego a crear unha liña de axudas complementaria ás do ISM para as mariscadoras durante todo o período de veda extraordinaria no que se atopan. Neste senso, lembrou que a suspensión do plan de explotación aprobado pola Consellería do Mar fixo posible que as traballadoras do mar puideran solicitar as axudas polo cese da actividade no Instituto Social da Mariña.
“A situación actual é que hoxe están activas arredor de quince mariscadoras, que son as que están a realizar os traballos de rexeneración nos areais , e xa levan un mes traballando”, indicou o portavoz municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña, que apuntou que “todas elas solicitaron a axuda no ISM, mais foilles desestimada á metade, polo que sete mariscadoras de Camariñas a día de hoxe están a realizar tarefas de recuperación dos bancos marisqueiros e non van cobrar un céntimo da axuda do paro”.
O voceiro nacionalista cargou contra a Consellería do Mar porque “segue sen crear un plan estratéxico individual para Camariñas, que leva dez anos cuns índices irrisorios de produción; a Xunta leva tempo escapando deste problema e non é capaz de ofrecer unha solución para recuperar os bancos marisqueiros en Camariñas”.
Rodríguez Baña afirmou que as mariscadoras solicitaron en xaneiro axudas para comprar semente, co fin de poder cultivalas baixo rede, “mais estamos comezando xuño, último mes óptimo para sementar, e a consellería despois de cinco meses segue sen resolver unha subvención fundamental para elas, e que dificilmente van poder mercala e sementala neste mes”.
Estudo da Universidade de Cantabria
O portavoz do BNG camariñán sinalou que entre a batería de propostas realizadas polo deputado Oscar Insua atópase a solicitude de estudar e executar as recomendacións feitas nun estudo técnico do Instituto de Hidráulica Ambiental, pertencente á Universidade de Cantabria, para un plan de rexeneración específico para Camariñas.
“Este estudo propón varias recomendacións e actuacións co fin de estabilizar a produción marisqueira na ría de Camariñas, mais a día de hoxe non se executou ningunha medida por parte da Consellería do Mar e descoñecemos se as estudaron ou se están contempladas xa nalgún proxecto”, concluíu o voceiro nacionalista.