O BNG de Camariñas urxe na mellora da seguridade e o trazado da estrada que une Ponte do Porto con Camelle

1 minutes read

O BNG de Camariñas volveu a insistir na urxencia de mellorar a seguridade e o trazado da estrada provincial DP-1601, que conecta Ponte do Porto con Camelle, sinalando que non é suficiente un simple asfaltado da vía, senón que hai que acometer unha intervención máis ampla e integral que mellore as condicións de circulación dos vehículos.

A formación nacionalista advertiu que esta vía ten unha alta sinistralidade e acumula máis de vinte accidentes de diversa gravidade en menos de dous anos.  “E nestes días de mal tempo vese aínda máis a necesidade de arranxar esta estrada, pois coas abundantes choivas a perigosidade aumenta”, sinalou o BNG, que subliñou que “incluso na época de mellor climatoloxía rexístranse sinistros; sen ir mais lonxe, este verán houbo tres, algún deles de gravidade”.

O voceiro municipal do grupo nacionalista, Xurxo Rodríguez, lembrou que en setembro presentou unha moción no Concello para que a Corporación urxa á Deputación da Coruña a que dispoña de orzamento para  acometer unha reforma integral da estrada, mellorando o trazado e dotándoa de medidas de seguridade acaídas, tendo en conta a normativa actual na materia.

“Levamos anos advertindo do perigo da vía que une Ponte do Porto con Camelle, onde se soen producir accidentes con frecuencia, algúns deles graves”, afirmou o portavoz do BNG en Camariñas, que insistiu en que “hai que actuar con urxencia para deixar de ter unha infraestrutura doutra época, sen garantías de seguridade ningunha e que esta a poñer en risco serio a vida das persoas”, concluíu.