- Lema e Bértoa serán as próximas parroquias en incorporarse.
Afirman que a rede de centros sociais, cada vez máis ampla, seguirá medrando no próximo mandato. En Lema é inminente o comezo das obras de reforma integral da antiga escola, e en Bértoa tamén arrancará en breve a construción dun novo edificio. E, en todos os casos, as solucións arquitectónicas adoptadas responden as necesidades expresadas polo movemento asociativo.
A seguinte parroquia en unirse á rede será a de Goiáns, onde Evencio Ferrero explicou este mércores á veciñanza como está a tramitación da modificación urbanística da parcela escollida maioritariamente en asemblea veciñal, un trámite imprescindible para poder acometer a obra. O alcalde de Carballo e candidato á reelección comprometeuse, tan pronto como a modificación sexa aprobada definitivamente, a encargar a elaboración do proxecto para poder incluír a súa execución nos orzamentos do ano 2020.
«As necesidades aumentan porque a vida social das nosas parroquias é cada vez máis intensa grazas a un movemento asociativo moi dinámico, e, deste xeito, hai parroquias coma Sísamo onde xa se ten expresado a necesidade de ampliar as instalacións ou mesmo de construír un novo edificio». Nese sentido, o BNG de Carballo mantén o seu compromiso coa veciñanza para seguir aplicando o modelo colaborativo que tan bos resultados está a dar á hora de deseñar os equipamentos públicos das parroquias.
«Pero dende o goberno municipal do BNG non só estamos a colaborar coa veciñanza na adquisición de terreos, elaborando os proxectos e asumindo o financiamento das obras de reforma ou construción de centros sociais, senón que tamén facemos nosas as demandas que se nos presentan para desenvolver actuacións coma o acondicionamento dunha praza pública na contorna da antiga escola de Aldemunde, xa adxudicada, ou no ámbito do pombal de Vilela, no que xa estamos a tramitar a modificación urbanística correspondente», dixo Evencio.
«Pero ademais queremos dotar de contido esas novas ou renovadas instalacións. Deste xeito, o noso compromiso para os vindeiros catro anos é seguir mellorando o equipamento dos edificios, implantar unha programación estable de actividades ou puntos de lectura, sempre en colaboración coas entidades».