- O alcalde de Carballo considera «inxustificable» que se siga no punto cero coa circunvalación, incluida nos orzamentos autonómicos do 2009.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pechou este venres a rolda de intervencións da valoración conxunta, con outros representantes do BNG na comarca, sobre os orzamentos da Xunta para o 2021 onde, segundo os nacionalistas, o goberno galego se esqueceu da Costa da Morte.
Ferrero aproveitou a situación para defenderse dos ataques do Partido Popular carballés despois de que a súa portavoz, Paula Nogueira, expuxera que o goberno de Carballo destina máis fondos a obras que a personas.
«O PP critica ao BNG porque facemos obras, ao mellor o que queren é xustificar os orzamentos da Xunta porque non fan obras, pero tampouco aparecen outras medidas que dende o punto de vista social está demandando a sociedade», apuntou o rexedor de Carballo, quen ademais fixo fincapé na situación actual da maioría dos concellos da Costa da Morte que se atopan pechados perimetralmente e «non se lles está dando resposta aos sectores afectados por parte das Administracións con competencias: Xunta e Estado».
Continuando coa xustificación do mal trato que recibe a Costa da Morte nos orzamentos do goberno autonómico, o alcalde puxo de manifesto que na localidade carballesa é «moi evidente esa situación». “Que cunha circunvalación que xa figuraba nos orzamentos do 2009 elaborados polo bipartito PSOE-BNG, con todos os informes e o proxecto rematado, volvamos ao punto cero porque durante todos estes gobernos do PP non se avanzou absolutamente nada, é inxustificable», recalcou Ferrero.
Tampouco quedou sen tocar a ampliación do polígono industrial de Bértoa, unha necesidade empresarial «solicitada reiteradamente» polo goberno local. «Nestes momentos o polígono ten unha ocupación do 84% e o 16% restante é de parcelas illadas», sinala o alcalde de Carballo, que puxo de exemplo a unha empresa que «non puido materializar o seu proxecto por falta de solo, porque por riba de 12.000 metros non llo podemos ofrecer, e iso é o que non se pode permitir”.