O BNG de Carballo lamenta que a Xunta leve 10 anos de atraso coa circunvalación

2 minutes read
  • Esta semana, a Xunta explicaba que “a situación derivada da covid e as restricións que supuxo a declaración do estado de alarma obrigou a retrasar un pouco a súa licitación”, pero asegura que “o compromiso con esta infraestrutura sigue vixente”.
  • Desde o BNG local coinciden en que sacar adiante un proxecto desta envergadura leva tempo, pero consideran que desde o ano 2010 houbo tempo abondo.

O BNG de Carballo emitiu un comunicado no que afirma que «é unha boa nova que por parte da Xunta de Galicia exista un compromiso firme coa circunvalación, como, por outra banda, non podía ser doutro xeito. Coincidimos tamén coa conselleira en funcións Ethel Vázquez en que sacar adiante un proxecto desta envergadura leva tempo, pero precisamente tempo non foi o que lles faltou aos sucesivos gobernos do PP dende o ano 2009, no que conseguimos que a variante figurase por fin nos Orzamentos da Xunta e fose incluída no Plan Move para a súa execución antes do 2013. Foi o Partido Popular o que retirou ese investimento dos Orzamentos e aínda hoxe non explicou por que decidiu castigar á cidadanía e ao empresariado de Carballo».

O compromiso do PP coa circunvalación de Carballo chega, polo tanto, con dez anos de retraso, afirman.

Ademais insisten en que «non fomos nós os que demos prazos nin nos comprometemos co empresariado do polígono de Bértoa a poñer en servizo a variante no ano 2022. Foi a conselleira en funcións Ethel Vázquez durante a campaña electoral, e é ela a que debe dar as explicacións oportunas a ese empresariado». E precisamente porque compartimos que é preciso contar con todas as garantías, as contas son doadas de facer: 20 meses para a elaboración do proxecto sitúannos no verán do ano 2022, e despois aínda haberá que licitar e adxudicar a obra, que, sempre que a Xunta manteña o seu “compromiso incuestionable” con Carballo e a comarca, arrancaría no ano 2023.

Desde o BNG agardan que, como di a conselleira en funcións, a circunvalación sexa unha realidade “o antes posible”, e con ese desexo sempre estaremos a disposición da Xunta de Galicia, pero tamén permaneceremos vixilantes para que salde as súas débedas e impulse definitivamente as infraestruturas imprescindibles para o futuro de Carballo.