O BNG de Carballo recollerá sinaturas este domingo contra as novas tarifas eléctricas

1 minutes read
  • Instalarase unha mesa informativa na rúa Coruña en horario de 11:00 a 13:30 horas

Durante a feira deste domingo, o BNG de Carballo instalará na rúa Coruña unha mesa informativa para recoller sinaturas en contra do novo modelo de tarifa eléctrica. A recollida estará a disposición do público de 11:00 a 13:30 horas.

Desde a formación nacionalista esixen a adopción de medidas prácticas por parte das administracións para que se «reduza o prezo da factura eléctrica e o fin da discriminación que padece Galiza por este motivo».

Entre as medidas solicítase unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz «en beneficio de consumidores particulares e das nosas empresas, de maneira que se compense o papel de Galiza como excedentaria na produción eléctrica e o forte impacto ambiental e social derivado do seu papel produtor». O BNG tamén pide a modificación da Lei do sector eléctrico e os últimos cambios tarifarios, de maneira que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía; así como a baixada do IVE na factura eléctrica, do 21% ao 4%, e a eliminación do imposto especial da electricidade.

Por outra banda, a recollida de sinaturas busca garantir a subministración eléctrica a toda a poboación, «establecendo medidas para que non se lle poida cortar a luz a ningunha persoa sen recursos», e a creación dunha empresa pública galega de enerxía.